10 mar 2010

A Sociedade Gastronómica Cachelos realizou unha visita gastrocultural a unha estacada no Río Tea



A Sociedade Gastronómica Cachelos realizou o pasado sábado 6 de marzo a súa primeira visita de carácter “gastocultural”, achegándose á “estacada” nº 20 situada no Lg de Cordeiro no concello de Salvaterra de Miño, para comprobar “in situ” o procedemento tradicional da conca do Tea para a pesca da lamprea: as estacadas.


Os membros da Sociedade Gastronómica Cachelos comprobaron un situ as construcións de madeira que cruzan o río en perpendicular. Constan de varios alicerces duns dous metros de alto sobre os que se pousa unha pasarela, onde se colocan os pescadores.
Os membros da Sociedade Gastronómica e algúns afeccionados que se uniron ao acto comprobaron como as lampreas remontan o río pegadas ao fondo, e cando pasan por baixo das “estacadas” os pescadores crávanas coas “fisgas” ou “francadas” . Así, durante o tempo que durou a visita os pescadores capturaron 14 lampreas.
Para rematar coa actividade cultural aproveitouse a noite para acometer a parte gastronómica da visita, ceando cos pescadores chourizos e entrefebrado asado e viño do país.


A Sociedade Gastronómica quere agradecer aos pescadores da estacada número 20 a súa dispoñibilidade para explicar a arte de pesca tradicional e tamén ao Distrito Forestal, que autorizou dita visita.

Ao mesmo tempo dende a Sociedade Gastronómica Cachelos aproveitamos para denunciar o dano que co medio natural e coa propia actividade está a facer o furtivismo, tal e como comentaron os pescadores. Hai que lembrar que para poder pescar precísase dunha autorización e hai que facelo na estacada que te corresponde por sorteo.
O furtivismo, ademais dun delicto ambiental supón un grave risco para a economía de moitas familias que aproveitan a época de veda para axudar á economía das familias.

Cachelos prepara o seu próximo xantar

A Sociedade Gastronómica Cachelos, celebrará o vindeiro sábado 20 de marzo de marzo o xantar mensual, adicado nesta ocasión á degustación da lamprea nas súas diferentes variedades: burdelesa, á brasa e seca aproveitando que nos atopamos na época

24 feb 2010

O Sábado 27 de frebreiro a Sociedade Gastronómica Cachelos visitará unha estacada de pesca de lampreas

A Sociedade Gastronómica Cachelos realizará o vindeiro sábado 27 de febreiro a súa primeira visita de carácter cultural, achegándose á unha “estacada” situada no concello de Salvaterra de Miño, para comprobar “in situ” o procedemento tradicional da conca do Tea para a pesca da lamprea: as estacadas.


As “ESTACADAS” do Tea


Son construcións ou empalizadas de madeira que cruzan o río en perpendicular. Constan de varios alicerces duns dous metros de alto sobre os que se pousa unha pasarela, onde se colocan os pescadores. As “estacadas” mais habituais fanse con alicerces de eucalipto ou piñeiro pero na actualidade xa hai “estacadas” metálicas coa innovación do método tipo “ponte levadizo” mediante poleas.

Segundo os pescadores; “as lampreas remontan o río pegadas ao fondo, cando pasan por baixo das “estacadas” os pescadores crávanas coas “fisgas” ou “francadas” e o río está segmentado en ”postos de pesca” desde Salvaterra de Miño ata Ponteareas.”


Ao contrario da sucesión das “pesqueiras”, non se explotan por herdanza familiar. Estes postos van a sorteo libre entre aqueles pescadores que os soliciten., sorteo público que se realíza a primeiros de xaneiro.

A tempada de pesca comeza a mediados ou finais de xaneiro ata o último día de abril. O horario de pesca abarca desde as nove da noite ata as oito da mañá do día seguinte, sendo os domingos non hábiles.

Cachelos prepara o seu próximo xantar

A Sociedade Gastronómica Cachelos, logo de conquerir unha autorización do Distrito Forestal para poder visitar unha estacada, achegará aos seus asociados este arte milenario de pesca, mostra do noso acerbo cultural e patrimonial. Aproveitarase a noite para compartir cos pescadores da estacada unha cea tradicional.

O primeiro fin de semán de marzo a sociedade procederá ao xantar mensual, adicado nesta ocasión á degustación da lamprea nas súas diferentes variedades: burdelesa, á brasa e seca aproveitando que nos atopamos na época

A Peneira da conta da primeira actividade cultural da Sociedade Gastronómica Cachelos


A Peneira de O Condado publica na súa web a nosa actividade do sábado 27 de febreiro.

26 ene 2010

A Sociedade Gastronómica Cachelos valora positivamente o encontro na Casa Reitoral de Moreira


O pasado sábado 23 de xaneiro a Sociedade Gastronómica Cachelos preparou un cocido tradicional na Casa Rectoral de Moreira. Os organizadores valoran positivamente o encontro, xa que a festa prolongouse ata altas horas da noite, podendo os socios xantar e cear o menú feito por eles mesmos.

O xantar consistiu nunha sopa feita có caldo do cocido, de segundo prato un cocido galego, utilizando produtos propios da terra entre os que se atopan a carne de porco, galiña, carne de vaca, chourizos, repolos e, como non podía ser doutro xeito “patacas” e unha numerosa variedade de larpeiradas e para rematar cunha queimada feita nun calacú, segundo detallou o presidente Germán Álvarez.

A asociación xa está elaborando a programación de eventos que terán lugar dentro deste ano, xa que entre os fins que constan nos estatutos da Sociedade Gastronómica tamén está a promoción da gastronomía e da cultura.

Dentro dos próximos actos que a Soicedade Gastronómica Cachelos desenvolverá nos vindeiros meses haberá visitas guiadas a adegas da zona, para que os socios podan ver in situ como se elabora un bo viño. Outro dos actos que se promoverán será unha visita guiada a unha estacada (visita a unha ponte construída sobre o río onde os pescadores apañan as lampreas no Tea), días antes da vindeiro xantar que consistirá nunha lampreada.

A Sociedade Gastronómica Cachelos quere e agradecer á parroquia de Moreira, e especialmente ao crego, pola súa colaboración cedendo a asociación a casa Reitoral para facer o xantar.